Encaixe de Camariñas 2.0 Encaixe de Camariñas 2.0

Inicio | Museo virtual do encaixe | Historia do encaixe | Localización do Encaixe de Camariñas

Compartir:

Localización do Encaixe de Camariñas

Denomínase Encaixe de Camariñas a todo o realizado na comarca á que a vila pertence, podería dicirse, que todo o encaixe galego se coñece por esta denominación. O motivo, segundo os investigadores desta artesanía, débese a que nos momentos de maior exportación, os comerciantes intermediarios eran case todos naturais deste concello e por xeneralización perdurou tal cualificativo.

As zonas encaixeiras localizábanse fundamentalmente no litoral e en cada lugar se producían diferentes tipos de encaixe, panos, puntillas estreitas, puntillas anchas, un deseño concreto, fíos de diferente grosor, etc. A continuación sinalamos os municipios produtores de encaixe de bolillos máis importantes da provincia de A Coruña:

Camariñas (Arou, Camariñas, Camelle, Santa Mariña, Ponte do Porto, Xaviña), Muxía (Leis, Merexo, Muxía, Os Muíños), Vimianzo (Braño, Carantoña, Carnés, Cereixo, Tufións, Vimianzo), Cabana, Carnota, Corcubión, Dumbría, Fisterra, Laxe, Muros, Noia, Santa Uxía de Ribeira, Betanzos e Santiago de Compostela.

No resto de Galicia, elaborábanse encaixes na provincia de Pontevedra e nas zonas de Fonsagrada e Viveiro, en Lugo.

Presenza do Encaixe de Camariñas en grandes exposicións

Cartel Exposición Universal de Barcelona, 1888

  • Exposición de Productos Naturales y Manufacturados de La Coruña. A Coruña, 1878. Nesta exhibición destacaron os labores de bordados, encaixes e pasamanerías.
  • Exposición Universal de Barcelona, 1888. Concedéuselle a medalla de ouro e diploma a José Pardiñas "por muestras de encajes".
  • Exposición Universal de París, 1889. Concedéuselle o diploma conmemorativo, sección de encaixes, a José Pardiñas.
  • Exposición de Encajes y Lencería de los Amigos del Arte. Madrid, 1915. Na que estivo presente o encaixe galego.
  • Exposición Regional. Santiago, 1949. Presentes encaixes de toda Galicia.
  • Exposición de Encaixes de Camariñas. Museo Provincial de Pontevedra, 1978 e 1979. Esta exposición serviu para "descubrir e potenciar a difusión do encaixe en Galicia.
  • Exposición de Alta Lencería en Encaixes de Camariñas. Galería Citania. Santiago de Compostela, 1980. Entra por primeira vez o encaixe de Camariñas nunha galería de arte.
  • I Muestra Nacional de Encaje de Bolillos de España. Almagro (Ciudad Real), 1980. A presenza do encaixe de Camariñas nesta exposicion foi notable, aportando duascentas pezas. Entre todas destacaron varias do século XVI, aportadas por Anxélica Miñones; outras do século XVII foron facilitadas pola parroquia de San Xurxo de Camariñas.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci�n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci�n da Coru�a Galicia Agader