Encaixe de Camariñas 2.0 Encaixe de Camariñas 2.0

Inicio | Museo virtual do encaixe | Historia do encaixe | As Palilladas

Compartir:

As Palilladas

As "palilladas", palilladas, tamén chamadas "escolas" eran reunións de mulleres que se congregaban na casa dunha delas, nunha habitación chamada "sala", para facer encaixe. A súa orixe descoñécese, pero sábese que se remontan a varios séculos.

Comezaban no mes de Setembro e finalizaban en marzo, de maneira que coincidían coa época de menor actividade agrícola; facíanse de luns a sábado e ocupaban todo o día hasta a madrugada. Os domingos fregaban a escola e acostumábase a lavar os palillos e enchelos de fío para non perder tempo durante a semana. Asistían palilleiras de todas as idades e as nenas pequenas, para que non perdesen o tempo indo a casa, as súas nais levaban a comida a palillada.

Tódalas palilleiras estaban dirixidas por unha das máis vellas. Colocaban un barco de madeira no centro da sala e sentábanse no chan, coas pernas cruzadas e apoiando as almofadas no banco. A palilleira que estaba comprometida situábase na esquina cun banco para que puidese falar co namorado. As maiores, polas que se sentía gran respecto, sentábanse nun lado do banco e as máis mozas fronte a elas, sendo costume en moitas palilladas que as nais se sentasen ó lado das fillas.

As palilleiras que se dedicaban enteiramente ó labor do encaixe, chamábaselles "caseteiras" porque non tiñan que atender de labores agrícolas ou ós animais; as que vivían das labores da terra soamente palillaban pola noite ou cando facía mal tempo.

Case tódalas palilleiras facían unha tarefa que tiñan que rematar nese día, consistía nun determinado número de puntillas ou prendidos. Algunhas anciás lembran os diversos castigos ás que eran sometidas se non acababan o seu labor e en moitas ocasións palillaban ata ó amencer.

Un dos motivos que xustificaba a existencia destas palilladas era o aforro de enerxía; daquela utilizábase luz de carburo ou de candil de gas, que pagaban entre todas as mulleres. Estas fontes de luz desapareceron coa chegada da luz eléctrica. Nalgunhas palilladas, as mulleres que se situaban máis cerca da luz que outras, tiñan que pagar máis. Por outro lado, a palilleira rende máis traballando en compaña e tamén se sacaban o sono unhas a outras. Eran tradicionais as largas conversacións e entoar diversas cantigas.

A pesar de ser tempos difíciles tamén había momentos para a diversión. Os mozos tiñan o seu día de cortexo -días distintos segundo as aldeas -e organizábanse bailes durante toda a temporada, sendo os máis soados os de entroido. A música soia ser de pandeireta e acordeón e bailábanse muiñeiras, mazurcas, pasodobres, valses e xotas galegas, e cando non había instrumentos usaban as conchas, culleres ou botellas de anís. Antes de comezar o baile os mozos estaban fóra, cantaban unha copla respondíanlles as palilleiras dentro da sala.

Unha vez dentro os mozos, as palilleiras entoaban cancións infantís que se prestaban para sacalos a bailar, xogando a roda.

As palilladas rexían, en certo modo, a vida cotiá da comarca, como o facían as fiadas nos lugares nos que se fiaba o liño, aínda que  destas últimas  ténense noticias que revelan un carácter máis descarado.

As palilladas perviviron ata os nosos días e aínda que perderon en parte a súa antiga natureza, seguen sendo un punto de encontro para as palilleiras e unha escola para as aprendizas.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci�n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci�n da Coru�a Galicia Agader